Nunca pensei que diría isto, pero de pequeno
as cousas vense de maneira distinta; é certo, non todo sae á luz nin todo queda
na escuridade. En particular aqueles días de maio sempre os recordo dun xeito
especial, xa fose pola época do ano ou xa fose pola chegada da fin do curso. A
verdade, o 17 de maio era un día bonito; os días previos eran bonitos, todo era
traballar en grandes cartóns a modo de pancartas, facer debuxos e cousas desas,
sempre en referencia a unhas persoas que, polo que che contaban, foran persoas
moi importantes na literatura galega; aquela pola que tiñas a idea que era algo
afastado no tempo; persoas que imaxinabas sempre en branco e negro, con caras
serias. Chocaba o contraste da figura coas pancartas cheas de coloridos de
todos os tipos, o contacto do xiz co papel era curioso, non terminaba de callar
e sempre manchaba todo; a cola convertíase nun aliado único; o facer ficar as
letras no seu sitio, un auténtico traballo de manualidades...
O
curioso de todo isto é que, co paso do tempo, todo seguía a mesma temática, os
días festivos, a mesma sensación… coa diferenza de que pasaban os anos, un vai
medrando e sen decatarse abandona un colexio público dirección a un máis grande
e afastado. Chegado o ano 96 chegou a sorpresa, como un premio, unha herdanza
non esperada e totalmente descoñecida. Era o ano de Xesús Ferro Couselo; “en mi
vida”; quen é ese tipo? e mais, que pinta aquí? Isto das letras está ben pero,
non era xente que saía nos libros vellos?: Rosalía, Pondal, Curros…; de onde
saíu este?, por que llo deron?, como?...
Como
bo premio non esperado, ese foi un ano de celebracións e obras, todo tiña que
estar preparado, dunha maneira sinxela pero eficaz; aquel día tiña que brillar
todo, non podían faltar os colgallos coas bandeiras (basicamente, con iso si
que dá sensación de festa) e unha emotiva homenaxe no adro. Todo estaba listo
pero eu seguía sen saber quen era; é máis, cando escribo estas liñas non o teño
moi claro aínda. Estou fallando eu seguramente, teño que ser máis perspicaz, intuitivo
e fixar unha ruta de investigación. Teño que desfacer esa espesa capa de néboa
que cobre a súa figura, unha néboa bastante persistente nesta zona, e que
desaparece a medida que un vai sabendo cousas sobre este investigador; polo
cal, Xesús Ferro Couselo continúa sendo un gran descoñecido na nosa contorna; unha
figura que debería de ter máis protagonismo onde nós vivimos, como, segundo me
contan as lendas, si que chegou a ter en vida no ámbito universitario .
De onde es?... Son de Valga..., un
sitio entre Caldas e Padrón.
De onde es?... Son de Valga...
Ah, si!!, onde naceu Ferro Couselo...
...Estaría ben.
Ningún comentario:
Publicar un comentario