Proxectos

Recoller o legado

Hai xa tempo que na cabeza de varias persoas petaba forte a idea de recuperar a revista que alá polo 1990 editaba por primeira vez o noso veciño Xosé Lois Miguéns Castaño. Foi primeiro baixo o nome da mítica Morgana e logo coa cabeceira Espello do Ulla.

Cronista, poeta, amante da historia e das historias, defensor da nosa lingua e da nosa cultura, soñador e, como non, algo fantasioso e toleirán, como o son esas persoas que trascenden á súa propia existencia. Hai xa…. anos que deixou de escribir… ou non; quen sabe se alí onde estea non segue a contar as cousas do humano e do divino. O certo é que moita xente garda como tesouro aqueles números da revista onde toda persoa que o desexar podía plasmar toda sorte de artigos, disertacións, entrevistas... e mesmo o sermón do domingo, do señor cura de Cordeiro. Porque, con total naturalidade e facendo orixinal uso dun limpo xornalismo autodidacta, era quen de relatar episodios paranormais, falar da arte do amor e o desexo ou preguntarse sobre cuestións teolóxicas sen ningún tipo de censura.

Vai aquí, pois, a nosa humilde e sentida homenaxe, que non quere ser algo puntual senón que ten vocación de continuidade e o desexo de coller o relevo do fundador de Morgana.



20 anos non son nada

Tamén nos petaba nos miolos a idea de rescatar para Valga a figura e a magnífica obra de Xesús Ferro Couselo, máis aínda, logo de comprobar o papel secundario (ou nin iso) que se lle asignou no recente estreado Museo Municipal. Todas as persoas que tiveron o privilexio de coñecelo coinciden en describilo como protector, como un dos bos e xenerosos; falan da súa honestidade e humildade, do seu compromiso con Galiza e coa súa historia, do seu papel discreto, pero imprescindible en episodios tan decisivos como a fundación do Partido Galeguista ou a declaración institucional do 17 de maio como Día das Letras Galegas.

Precisamente, no 1996, esa festividade nacional levou o seu nome, recibindo merecida e xusta homenaxe, e foi cando moitas persoas en Valga descubrimos este noso veciño universal e a importancia do seu traballo. E van alá 20 anos. Decidimos, entón, que (este primeiro novo número) esta reaparición de Morgana non podía ter mellor padriño. Aquí poderedes coñecer un pouco máis de Don Xesús, a través de persoas que o trataron ou que saben do seu bo facer.


Así pois, queridas lectoras e lectores, grazas anticipadas pola vosa atención e o voso tempo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario