luns, 6 de febreiro de 2017

Carta a Xesús Ferro Couselo. Morgana nº0


            Estimado Sr. Ferro:

            Diríxome respectuosamente a vostede coa intención de facerlle chegar algunhas reflexións e pensamentos persoais. Agradézolle de antemán a súa atención e que me adique unha parte do seu tempo, porque sei que alí onde estea o seu espírito, seguirá traballando arreo.
            Vostede non me coñece, pero para presentarme, só dicirlle que son un mozo da súa parroquia de Cordeiro; e que tamén me interesei pola historia. Para min, unha paixón que puiden facer realidade estudando en Compostela. Alí aprendín moito e realmente sentinme verdadeiramente realizado persoalmente investigando e afondando nos tempos pasados do noso pobo.
            Que sorpresa cando descubrín que un dos investigadores, arquiveiros e mentes máis privilexiadas do noso país, era un veciño de Cordeiro. Coñecín a súa inmensa laboura, e grazas a ela puiden levar a cabo algún dos meus modestos traballos. Alí descubrín que sen o seu traballo a historia en Galicia non sería para nada a mesma. A historiografía da nosa terra debe parte do seu traballo ó seu inmenso labor. Por todo iso, permítome darlle as grazas no nome de tantas investigadoras e investigadores.
            Pero non só me decatei deste particular. Alí descubrín tamén unha persoa, que loitou pola nosa fala, polo noso pobo, pola súa xente, iso si, sempre dunha maneira discreta, sen facer ruído; sen que ninguén lle pasase a man polo lombo. E menos no seu propio lugar de nacemento. É ben certo que ninguén é profeta na súa terra, pero iso moléstame e enfádame. Pero sei que a vostede non lle importaría, que seguiría facendo o mesmo. E iso fai que sexa todo un modelo de persoa a seguir. Que pouca xente coñece que vostede arriscando a súa propia vida salvou a vida de moitas persoas durante a cruenta guerra civil; coa procura de alimentos ou medicamentos para quen os precisaban, ou ocultando perseguidas e perseguidos por motivos políticos. E non só loitou por salvar vidas, senón que coa súa entrega salvou da destrución moitas obras artísticas. Se alguén fixese iso hoxe en día, daríanlle un montón de recoñecementos e aplausos..., aínda que sei seguro que vostede o faría sen querer ningún deses recoñecementos, sen que se falase de vostede. Pero permítame que me cabree. E que me moleste que no pequeno museo histórico que agora din que hai no noso concello, o recoñecemento para con vostede estea arrecantado nun pequeno curruncho. Paréceme inxusto.
            E se me permite o atrevemento, non me gustaría deixar pasar a oportunidade de agradecerlle, non soamente o seu labor pola nosa historia; senón tamén pola nosa lingua. Vostede e outros prenderon en moita xente o lume por loitar pola nosa fala, pola nosa cultura..., por nós como pobo. Hoxe o galego está deostado, a pesar do que digan eses, eses..., xa sabe vostede..., eses que nos dirixen. Quen me dera que pensasen coma vostede e que lesen as verbas que con sapiencia vostede escribiu, e esa situación que vostede describe, volvese á nosa realidade: “Daquela o galego era a fala en que falaban e se entendían os señores e os fidalgos, os bispos e os cregos e, coma sempre os mareantes, os mesteiráns e os labregos, e nila exaran os seus escribáns, mesmo os nados en terras alleas”. Hoxe corremos o risco de que todo isto despareza. Sei que lle doe esta situación, e que se estivese aquí loitaría con todas as súas forzas pola concienciación do noso pobo. Dentro das miñas posibilidades intentarei seguir o seu exemplo.
            Por último, e non o molesto máis; quixera pedirlle algo máis. Hai uns anos que está por aí, por onde estea o seu maxín, outro espírito libre. Outro veciño de Cordeiro. Un loitador e soñador coma vostede. Chámase Xosé Lois. É un mozo alegre, un pouco despistado, pero un mozo que vale moito a pena. Foi tamén unha persoa que loitou polas súas ideas, polo noso país, pola nosa lingua. A el gustaríalle moito coñecelo. Cando se atopen, seguro terán moitas cousas das que falar. Proxetos que compartir e soños que cumprir. Tamén aprendín moitas cousas e moitos valores con el. Pero, bueno, seguro que dúas almas como as súas xa se terán coñecido. E seguro que xa estarán maquinando algunha revista, algunha investigación, algo para revivir Galiza, o galego, e a nosa cultura. O que daría por estar nunha desas súas reunións.
            E sen máis, agradecerlle o seu tempo e atención. Eternamente agradecido, un veciño e un galego.


Xosé Manuel Martínez

Ningún comentario:

Publicar un comentario