luns, 8 de marzo de 2021


 

CANDO O TABOLEIRO CAMBALEA SEMPRE CAEN AS MESMAS PEZAS

Un ano máis, chega o 8M, un día para reivindicarnos, empoderarnos e porque non volver berrar as reivindicacións históricas non superadas. Desta volta coa vicisitude de estarmos baixo alerta sanitaria.
Nestes días previos, foron moitas as voces preocupadas ante a dúbida de se habería ou non convocatoria de folgas ou manifestacións públicas e colectivas en repulsa das múltiples formas de violencia e inxustiza do heteropatriarcado.

Quizais as convocatorias a este respecto, por quen estamos acostumadas a esperalas, demoraron demasiado por causa das medidas burocráticas de profilaxe pandémica.
No medio destas persoas expectantes, aquelas outras que cos seus “ coa que está caendo non vexo a oportunidade” poñen en xaque e desmobilizan sen argumento a quen entendeu sempre que o machismo estrutural é a verdadeira pandemia e que ningún goberno no mundo ingresará cantidades millonarias a ningunha empresa que observe, investigue, actúe e ofreza unha solución. Esta pandemia, porén, leva séculos matando. As que si están caendo deseguido son as mulleres asasinadas; a pandemia non deu tregua e nin a violencia machista nin a fenda laboral se confinaron.


Leandro Lamas
En efecto, que a responsabilidade de conciliar volve a recaer sobre as mulleres ao igual que a dos coidados, ponse de manifesto, aínda máis se cabe, coa COVID-19; e pensemos agora no noso ámbito rural onde a falta de infraestruturas e medios agrava aínda máis a desprotección.
Se non chegaba con moralistas, non faltaron tampouco paternalismos, instrucións e consellos de como unha debe concorrer a unha manifestación feminista. Podemos ocupar a rúa para reclamar o café das seis, ocupar pavillóns para escoitar a Raphael, incluso para facer apoloxía do fascismo pero que nin se nos ocorra xuntarnos para berrar pola igualdade, que é berrar por un dereito de toda a humanidade. Non queren entender que somos maiores de idade e contra ese paternalismo afectado REBELÁMONOS.

Non haberá medidas que restrinxan e freen a loita para transformar unha sociedade patriarcal inxusta nunha sociedade real e verdadeiramente igualitaria.

Cando o taboleiro cambalea sempre caen as mesmas pezas. Mais xa non caemos, e se caemos levantámonos; levantámonos nós mesmas, levantámonos unhas ás outras e seguimos. E lembremos: tamén son sempre as mesmas pezas as que inician a revolución e mudan a sociedade.
O Refaixo de Carolina
Colectivo Feminista de Valga
8 de marzo de 2021