venres, 12 de outubro de 2018

PRESENTACIÓN DE 1.306 /36

 Este domingo, día 14, ás 12.00 h. na Casa de Cultura de Valga, terá lugar a presentación do último libro do xornalista e escritor Fernando Salgado, que leva por título 1.306/36, organizada dende Memoria Histórica de Valga. No acto estará acompañado por Monste Fajardo, tamén escritora, e Xosé Manuel Martínez, como integrante do colectivo organizador.

   Salgado recolle a vida o seu avó, Francisco Varela Garrido (Pancho Varela), destacado activista político na Segunda República, que despois do golpe de estado do 36 refuxiouse en Monleras (Salamanca) dende onde quería pasar a Portugal; intento frustrado xa que foi detido e trasladado a Pontevedra. Condenado a morte, fusilárono en xullo de 1937. Precisamente o título do libro fai referencia ao número de expediente aberto contra el.


Pancho Varela foi nomeado xuíz e secretario municipal de Cerdedo trala vitoria das candidaturas de esquerdas nas eleccións de 1931, nas que acadaron once das trece actas. En 1934 fora detido polo seu respaldo á Revolución de Asturias e ao producirse o golpe de estado franquista, logo de que o alcalde abandonara o seu posto, Pancho acude ao Goberno Civil de Pontevedra; é nomeado delegado gobernativo en Cerdedo, onde impide que haxa enfrontamentos. Diante da imposibilidade de evitar a derrota, fuxe ao monte e despois ponse en camiño ata Monleras, onde foi detido en setembro do 36. Estivo preso na Illa de San Simón antes de ser fusilado, con 39 anos.


domingo, 15 de abril de 2018

CAROLINA OTERO

Carolina Otero naceu en Valga un 4 de novembro do 1968, foi unha das figuras máis representativas da Belle Époque francesa e faleceu en abril de 1965.

No libro parroquial está inscrito o seu bautismo o 20 de decembro como filla de pai descoñecido e de Camen Otero Iglesias "A Piñeira". Naceu, pois, esta galega universal no mesmo ano en que a revolución chamada "A Gloriosa" estableceu no marco do estado español a democracia, o sufraxio universal e os dereitos do pobo obreiro e deu nacemento tamén á Primeira República e ao federalismo.

A súa nai tiña como oficio o de piñeira; recollía piñas nos numerosos montes que rodeaban a vila para vendelas logo nos lugares das proximidades como combustible para dar lume e calor. Se Carolina non marchara de Galiza, seguramente a súa sorte e a súa vida pouco diferentes serían das da súa nai; mais a Bella Otero, ademais de fermosa, era unha muller intelixente e isto permitiulle acadar fama, espertar paixóns, acumular riqueza, aprender cultura e idiomas, cantar, bailar, participar en tertulias literarias, dilapidar amores e paixóns masculinas, pagando o prezo, iso si, de morrer soa na Niza que ela tanto amara nos días de gloria.


Pouco se sabe da súa traxectoria e andaina desde que sae do hospital, logo da cruel e salvaxe violación sufrida no monte Terroeira cando aínda non pasara case da nenez, ate a súa aparición en Cataluña e logo xa como artista en París. As noticias e os feitos desta etapa forman parte da lenda, do misterio, da verdade e da fantasía que sempre acompañaron a vida da Bella Otero. Seguramente, precisou dunha aprendizaxe dura e difícil, dun traballo para poder triunfar no mundo artístico.
O baile, o movemento do seu corpo, a súa sedución nos escenarios non foron só produto da súa beleza senón tamén da súa intelixencia, do seu tesón e do seu bo facer. A súa vestimenta, as súas xoias, a súa vida, as súas conquistas masculinas serviron de base a novelas, crónicas xornalísticas, series de postais e mesmo películas.



Xunto a María Félix, actriz que a encarnou na película La Bella Otero (1954)


Se cadra, é memos coñecida a súa faceta de muller que soubo relacionarse coa cultura da época, pero Carolina tivo contactos coas mulleres sabias que se reunían en París no Círculo Sáfico. Michel del Castillo fala, na súa obra Colette une certaine France (1999), sobre Colette e a súa época, deste mundo de cultura e de lesbianismo no que tanto a escritora como a propia Carolina se atoparon e se relacionaron. Este círculo de sabias parisienses estaba constituído por mulleres de enormes fortunas que cultivaban a poesía, o canto e facían "cadros vivos", representacións pictóricas, moitas veces espidas, que provocaron un enorme escándalo naquela sociedade, é dicir, nos chamados "tolos anos vinte" e nos que sobresaíron os nomes de Lucie Delarue, Romaine Brooks, Natalie Clifford-Barney ou Liane de Pougy, a eterna rival de Carolina como artista. É posible que incluso Colette recibira clases de baile da Bella Otero.

Carolina quixo deixar as súas riquezas, que xa non tiña, ás xentes máis pobles da súa Valga natal para que, quizais, non tivesen que emigar como tivera que facer ela; e foi así como esta muller artista, filla de nai solteira que fixo da súa vida e da súa existencia aventura e lenda, nos últimos anos da súa vida deixou unha carta escrita oficialmente, a través do embaixador, ao alcalde da súa vila para notificarlle que os beneficiarios do seu testamento serían as xentes máis pobres de Ponte Valga de Galicia, provincia de Pontevedra. A súa partida de defunción ten data do 10 de abril de 1965 en Niza. Unha das galegas máis universais tiña, pois, 97 anos cando morreu.


(Texto extracto da biografía feita por Encarna Otero Cepeda, para Álbum de mulleres)


foto publicada na revista París Mach