luns, 6 de febreiro de 2017

Gústache escribir?

Un recordo de Xosé Lois Miguéns

Teño un recordo moi difuso de Xosé Lois Miguéns Castaño. Recordo que era unha persoa distinta, que chegaba con ideas novas á parroquia. De aspecto desaliñado, interesado pola cultura tradicional e pola cultura do futuro. Era un estranxeiro do lugar, recén chegado da emigración, con espírito de cambio e renovación. Os veciños viámolo con escepticismo e certa desconfianza, sen saber moi ben cara a onde quería ir, que quería facer. Quizais neste caso se volvese cumprir aquel refrán de que “ninguén é profeta na súa terra”. El polo menos intentouno, e algo conseguiu. Polo menos espertar a mente e as inquedanzas dun grupo de mozos que daquela non sabiamos cara a onde tirar.
Eu non o coñecía, oíra falar del. Recordo perfectamente a primeira vez que se achegou a min para ofrecerme colaborar coa revista Morgana. Foi en Padrón, no Espolón, saíndo do instituto, achegouse a min e preguntoume: Gústache escribir? Quen me ía dicir a min que aquelas palabras e aquela invitación marcarían de certo xeito o meu futuro. Foi a miña primeira participación nunha publicación, á parte das colaboracións que facía na revista do instituto (aquela tamén mítica Leliadoura). Apenas recordo (o paso do tempo é desapiadado e cruel) as colaboracións que fixen en Morgana, nin os seus contidos, pero o que si recordo é que era para min unha oportunidade de facer algo que me gustaba e de estar dentro do mundo da cultura.
Eran outros tempos, a forma de traballar totalmente distinta á de hoxe en día. Non había ordenadores, nin internet, nin móbiles; para publicar algo había que poñer en funcionamento toda unha serie de resortes e engrenaxes. Escribíase á man e despois pasábase á máquina, e os textos entregábanse fisicamente en papel. Con medios rudimentarios el conseguiu sacar adiante un proxecto innovador e involucrar nel un grupo de colaboradores. Non foi pouca cousa.
Pasado o tempo e despois de moitas voltas da vida, chegoume a nova do seu falecemento. Sentín moito non sabelo a tempo, non poder darlle unha última homenaxe. Por iso, estas humildes palabras van dedicadas a el, que o seu paso por Cordeiro e os seus esforzos por crear e mellorar a cultura da zona non queden no esquecemento.


María J. García Márquez

Ningún comentario:

Publicar un comentario