mércores, 29 de marzo de 2017

ESPAZO DE exPRESIÓN. Xuntanza para compartir, literatear e ir apurando o xenio


Foto de Cydia Splendana.


O sábado que vén, día 1 de abril, volvémonos xuntar para outra velada creativa. Como sabedes, a participación é aberta e de modalidade libre. Animádevos!

Queremos ademais destacar o feito de se celebrar nesa data o Día das Artes Galegas. Este ano é o segundo e vai dedicado á artista viveirense Maruxa Mallo (1902-1995), cuxa recoñecida obra pictórica é de feitura surrealista e ten como tema central a muller. 

Velaquí composicións que as nosas colaboradoras nos achegan para ir levando á boca:


Espazo de expresión

Terreo de concentración de correntes diverxentes,                                    
silencios encarraxados, voces arrabeadas...

Explosión por forza da palabra precisa en pulso tenso.
Liberación de nós en movemento uniformemente acelerado.

O final é unha mirada sen ver nada,
e ti es outro amor na miña vida.

                                                           
                                    A Noaria



PEQUENO POEMA DO AR

Erguerse cada día
de olhos abertos,
de brazos abertos
é, 
simplesmente,
sinónimo de reinicio
e autoentendemento.

Ás veces, 
elexir o que te fai feliz e te enche
é máis difícil e da máis medo
que optar polo máis seguro.

Penso.

                                 D.Lobato

martes, 21 de marzo de 2017

CAPELA DOS MARTORES


Aloumiñada polos brazos do río Valga e baixo o dominio do Castro dos Vilares, descúbrese a Capela de San Mamede, no lugar dos Martores.

Con outros catro lugares, Santa Eulalia de Bóveda en Lugo, a Basílica de San Vicente, Sabina y Cristela en Ávila, o mosteiro de San Ductinio en Astorga e a propia Catedral de Compostela, dispútase ser a gardiá da tumba de Prisciliano, axustizado da Igrexa Católica.

O bispo Guerra Campos, natural de Ames, no seu traballo sobre as exploracións arqueolóxicas en torno ao sepulcro do Apóstolo Santiago, no 1982, sinala este lugar na parroquia de San Miguel de Valga como a localización máis posible para o enterramento de Prisciliano; sustenta a súa tese na existencia de sarcófagos antropomorfos que poden datar do século IV e na toponimia do lugar, “Os Martores”, que pode ser evolución de “Os Mártires”, con que se coñecía aos mortos en Tréveris, lugar da execución do herexe Prisciliano.

Durma Prisciliano aquí ou non, o irrefutable é que a Capela dos Martores é unha xoia arqueolóxica, arquitectónica e histórica....seguiremos sobre a pista deste lugar do noso Concello que agocha misterios e segredos de tempos pasados.

Aquí vos deixamos este vídeo; un dos últimos sobre esta capela, de Jhonatan Zúñiga "O Meigo do Tea", divulgador do patrimonio galego.



martes, 7 de marzo de 2017

8 marzo


       Manifestación unitaria en Santiago o pasado domingo 5 de marzo

                                                                                           8 DE MARZO

Polo respecto, pola igualdade, pola convivencia, pola solidariedade, pola liberdade....

DECONSTRUAMOS O PATRIARCADO !!!


EN MARCHA ATA QUE TODAS SEXAMOS LIBRES !!!


mércores, 1 de marzo de 2017


presentación Morgana - Kizoa Editar Videos - Movie Maker

24 de febreiro de 2017,
Morgana rediviva


     Noite de recital e sentida lembranza a Xosé Lois Miguéns, fundador en 1990 da homónima desta recente estreada Morgana. Non se nos ocorre forma de encontrarnos, e reencontrarnos, se non é na palabra, que, como a nosa fada mitolóxica, é quen de dar vida ou sentenzar a morte a vontade. Tamén pode ser sensual, cálida, doce, ou fría e mordaz. É todopoderosa.

A palabra é memoria e creación. Así o demostraron as intervencións do noso elenco de poetas locais, de amigas e amigos, ao cabo. A todas as persoas que fixeron posible este evento, grazas. Igualmente, queremos agradecerlle á Casa Chaves a atención e o coidado dispensados. Non podiamos ter mellor acollemento.

     O primeiro de abril concertamos unha cita no mesmo lugar e á mesma hora (Casa Chaves, 21.00 h.), marco que se perfilou como idóneo para outra noite de explosión creativa, ao estilo daqueles recitais celebrados polo círculo de Miguéns noutrora. Por suposto, a participación segue a ser aberta. Non deixedes de vir!