Aula de patrimonio Ferro Couselo


Aloumiñada polos brazos do río Valga e baixo o dominio do Castro dos Vilares, descúbrese a Capela de San Mamede, no lugar dos Martores.

Con outros catro lugares, Santa Eulalia de Bóveda en Lugo, a Basílica de San Vicente, Sabina y Cristela en Ávila, o mosteiro de San Ductinio en Astorga e a propia Catedral de Compostela, dispútase ser a gardiá da tumba de Prisciliano, axustizado da Igrexa Católica.

O bispo Guerra Campos, natural de Ames, no seu traballo sobre as exploracións arqueolóxicas en torno ao sepulcro do Apóstolo Santiago, no 1982, sinala este lugar na parroquia de San Miguel de Valga como a localización máis posible para o enterramento de Prisciliano; sustenta a súa tese na existencia de sarcófagos antropomorfos que poden datar do século IV e na toponimia do lugar, “Os Martores”, que pode ser evolución de “Os Mártires”, con que se coñecía aos mortos en Tréveris, lugar da execución do herexe Prisciliano.

Durma Prisciliano aquí ou non, o irrefutable é que a Capela dos Martores é unha xoia arqueolóxica, arquitectónica e histórica....seguiremos sobre a pista deste lugar do noso Concello que agocha misterios e segredos de tempos pasados.

Aquí vos deixamos este vídeo; un dos últimos sobre esta capela, de Jhonatan Zúñiga "O Meigo do Tea", divulgador do patrimonio galego.








Ferro Couselo, en Ourense

   O vello Pazo Episcopal estaba situado na rúa da Corona (hoxe Bispo Carrascosa), pero tiña tamén unha parede con balcón mirando á Praza Maior. Despois da guerra civil, o bispo decidiu abandonalo e ir vivir ao edificio do Seminario Maior, que daba á rúa do Progreso pola banda do oeste e á Alameda pola do sur.

    Por aquel entón (arredor de 1940) Ferro Couselo gaña as oposicións ao Corpo Facultativo de Arquiveiros e vén destinado a Ourense, onde empeza a traballar no edificio do Pazo Episcopal, abandonado polo bispo. Comeza así, na cidade das Burgas, a tarefa do ilustre investigador de Valga, trocando o Pazo Episcopal en Museo Arqueolóxico. Primeiro, loxicamente, houbo que reparar o edificio por dentro, substituíndo as vellas dependencias por outras máis axeitadas á súa nova función. Por fóra non se lle tocou. Trátase dunha xoia do románico que é intocable, por lle dar á cidade o seu valor e prestancia medievais. Neste edificio inicia Ferro Couselo o seu traballo de recuperación de material, ordenando e clasificando toda a documentación existente e, sobre todo, difundindo entre o público ourensán o patrimonio artístico da cidade, ata entón case que descoñecido.

   Sería imposible, na urxente brevidade destas liñas, ofrecer unha visión total da obra de Ferro Couselo en Ourense, tendo en conta que, entre outras cousas, foi creador do Arquivo Histórico Provincial, delegado de Belas Artes, profesor de bacharelato no Instituto, conselleiro provincial de Educación, fundador da Agrupación Cultural Auriense, membro asesor da Comisión Provincial de Monumentos, organizador dos Servizos de Arquivos, Bibliotecas e Museos, creador dun grupo de colaboradores do Museo Arqueolóxico Provincial, responsable do Boletín do Museo (1943), creador do colectivo Marcelo Macías, promotor da revista Posío, Arte y Letras, correspondente da Academia da Historia e de Belas Artes de San Fernando, comendador da orde de Afonso X o Sabio, membro de número da RAG... e moitas cousas máis. No mesmo ano da súa morte (23, abril, 1975), o Concello de Ourense, nun pleno extraordinario, decide nomealo fillo adoptivo da cidade. Así pois, o que nestas liñas se poida dicir, non será categórico, senón única e puramente anecdótico.

   O seu interese pola arqueoloxía levouno a decorrer a provincia de cabo a rabo. Non hai parroquia ou lugar onde el non estivese. Descubriu xacementos prehistóricos, que hoxe son visitados por historiadores, turistas e interesados na materia. Tamén levou para o Museo unha enorme cantidade de pedras con inscricións históricas (latinas e medievais) que andaban perdidas por leiras, valados, extremas, camiños ou cortes das aldeas e mesmo da cidade. Hoxe todas elas ocupan o seu lugar no Museo, desde pedras funerarias a exvotos, como aquel que un noso antepasado lle dedicou á deusa Telus, coidadora das gabias. Tamén figura alí unha pedra que levou do solar da miña casa da rúa Liberdade, que seica tiña certo valor histórico por unha inscrición referente á xudería que noutrora viviu alí, no casco vello da cidade. Outra pedra, moi curiosa pola súa orixe, é unha tumba funeraria, ou sarcófago, que estaba nunha corte do gando e servía de maseira para a cebada dos porcos. Custoulle traballo ao voluntarioso arqueólogo que os seus donos se quixesen desfacer dela.

   Hai tamén no Museo a mascarada do Pai Feixó que é sen dúbida unha das figuras máis valiosas. O Pai Feixó morreu en Oviedo no ano 1764. Ás poucas horas, fixéronse para a posteridade tres máscaras tomadas do molde do seu propio rostro. Unha quedou en Oviedo. Outra pasou ao instituto de Ourense e foi consumida polo lume no pavoroso incendio que en 1927 asolou ao Centro. A terceira gardábase en Casdemiro, na casa natal do Pai Feixó, e foi entregada ao Museo, en depósito, polos seus propietarios. O visitante pódea ver agora alí e recrearse na asombrosa quietude que infunde a faciana do ilustre pensador.

      Todas estas pedras, aras votivas, moedas, cadros, retratos e demais elementos históricos que configuran hoxe en día as dependencias do Museo, testemuñan a maxia e mailo fervor dos ourensáns e descóbrennos de que fonte procedemos e cara a que mar nos diriximos. Alí está, conservada, a esencia do noso pobo. E todo llo debemos ao insigne valguense.

      Cómpre mirar -aínda que sexa de esguello- cara a revista Posío, Arte y Letras, vinculada a Ferro Couselo, na que nos iniciamos a maior parte dos mozos da xeración dos anos cincuenta. Xorde o grupo cultural Marcelo Macías, con Ferro Couselo á cabeza como presidente. Dese grupo vai saír a publicación de Posío, Arte y Letras, (1951-1954), revista que “aspira a dar un reflejo de su labor y a extender esta Hermandad, en la que, pospuesta toda otra pasión, se tiende a la Cultura y al Saber”. Na Xunta Directiva da Revista -igual que no grupo Marcelo Macías- tamén figura o nome de Ferro Couselo como presidente. Escribe en tódolos números sobre distintos temas: liñaxes ourensás, a Pardo Bazán, San Rosendo, textos sobre Ourense, toponimia, etc...

    El foi o promotor e dinamizador da cultura ourensá durante máis de trinta anos. Cada vez que teño que cruzar a antiga rúa da Corona (hoxe bispo Carrascosa), e pasar por diante do Museo Arqueolóxico, sempre me deteño no pequeno xardín que hai á esquerda para saudar a D. Xesús Ferro Couselo e parolar un chisco con el: “Bo día e moitas grazas, don Xesús!”. El está alí, coa súa cabeza de bronce pousada nunha columna redonda de pedra. Detrás, custódiano as pedras históricas que el fora arranxando por moi distintos lugares da provincia. Na base que sustenta a súa cabeza, figura este letreiro: “O CONCELLO DE OURENSE A XESÚS FERRO COUSELO, HISTORIADOR, 1906 – 1975. DECEMBRO, 1996”.

    E eu pregúntolle: “Historiador soamente? Non, don Xesús. Historiador, amante e benfeitor da cidade”.

                                                            

 Víctor Campio Pereira
Morgana nº0






FERRO COUSELO (conservador e sementador intenso para boas colleitas)


A historia ensinounos que é mellor conservar que
destruír. Aquilo que se perde non é doado de
recuperar, diríamos que imposible. Non podemos estar
amalados de autoodio (e Don Xesús sabíao ben).


Imos decorrendo polos cento dez anos do nacer do noso home aprezado, nome de honra de Galicia para nós, DON XESÚS FERRO COUSELO (Sta Columba de Louro, Cordeiro, Valga, o 30 do mes patrio de 1906). Un home de pobo, de aldea, que logo da guerra incivil se asentou na cidade de Ourense. Un home que durante moitos anos, na cidade Auria, ben se podía ver entrar e saír do Museo Provincial do que era director. Un home pequeno e miúdo, moreno de cara, de ando tranquilo, que saudaba con cortesía elegante ás persoas que coñecía, que non eran poucas, pola rúa. Sen dúbida este home entre as moitas persoas que del gozaban amizade, corría coa fama de ser un verdadeiro sabio. El foi profesor, arqueólogo e investigador. Cantos o coñeceron tivérono por un home honesto, moi eficaz e resolutivo, amoroso especialmente do Museo de Ourense. Sempre foi pouco dado a exhibirse e prefería a entrega mais o entusiasmo ao traballo que desenvolvía con rigor. Temos que engadir que Don Xesús participou activamente e de forma desinteresada na vida cultural da cidade de Ourense, tanto na creación de revistas, como na dirección de entidades destinadas a fomentar o cultivo e uso da Lingua Galega, asemade a defensa da nosa Cultura en xeral. Velo aquí que el, como dicimos no anote do título, foi un sementador prestixiando o Museo e conservador que salvou moitas pezas que corrían perigo de desaparición ou de írense a outro lugar non debido a causa de transaccións comerciais ilexítimas e ilegais do que pertencía a todo o noso país.
Dicímoslle conservador (que non é o mesmo que inmobilista retrógrado) pois o del, en corpo e militancia, foi defender o noso patrimonio e destas catalogalo, legalizalo, para que así collese o chamo de civil e popular. E así foi edificando identidade, baseamento de facer, desde o ter noticias en Compostela da creación das Irmandades da Fala (centenario que festexamos lealmente este 2016) e o Seminario de Estudos Galegos do cal Ferro Couselo mantivo, de primeiras, unha enorme curiosidade por esta institución, mesmo xunto de Xocas, os dous presentáronse para interesárense polo labor directo que se realizaba naquela célula, xermolo, de auténtica galeguidade cultural e popular. Dicir que Xesús xa tiña algunha información do SEG por seu tío Xosé Couselo Bouzas, o cal era membro desa institución. Desde esta comezou a participación de Ferro Couselo no andar do SEG. Coñeceu a X. Manuel Cabada Vázquez (poeta e profesor do lugar de Barro, parroquia de Codeseda, A Estrada) e tamén, así o diremos, dar aquí conta das súas discusións con Fermín Bouza Brei sobre os petroglifos. Abríase un camiño e obra de galeguismo (afiliouse ao Partido Galeguista) e tamén de sentimento profundo de amor á Terra. Nese facer conservador dicir que na súa estadía en Madrid por mor da guerra civil, militante da CNT, foi el quen salvou a Biblioteca de Don Armando Cotarelo Valledor, así como deu salvo a moitas pinturas do Museo do Prado. Resaltar que estas actuacións non eran de mérito e si comprometidas para a súa propia seguridade persoal, pois mesmo podería ser acusado de saboteador ou traidor. Deste facer deu conta o seu colaborador no Museo de Ourense, Xesús Taboada Chivite.
-“…foi unha loita constante por salvar, como salvou, moita riqueza artística” (dixo de Don Xesús).
Por abril de 1939 rematou a triste e terrible guerra civil coa derrota do goberno republicano. Comeza o período ditatorial. Uns cantaban a vitoria e outros sufrían as consecuencias da derrota... Don Xesús sofre en 1940 a morte de súa nai dona María Consuelo (seu pai morrerá en 1947). Na do navaíño de Cordeiro escríbese a tristeza. Don Xesús tiña en especial o consolo da súa noiva María Teresa Delgado e destas, en 1941, e tendo Don Xesús aprobadas as oposicións ao Corpo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos, el e Teresa casan e pasan a establecerse en Ourense, onde dirixirá o Museo e o Arquivo provincial desa cidade, e así comeza o estudo da historia, a arte e a cultura galegas desde unha institución oficial. Crea o grupo de Colaboradores do Museo. O traballo de Don Xesús céntrase por así dicilo na etapa de maiores froitos, a máis fecunda, da súa vida. Percorreu as terras ourensás á procura de atopar e atopou ben para conservar. Un rico patrimonio sempre en perigo de desaparición. Puxo esforzo, valentía e xenerosidade.
Todo o antedito en Ourense non foi impedimento para que Don Xesús levase unha enorme tarefa de investigación tanto na arqueoloxía, como a historia e especialmente a Lingua Galega. Unha das súas grandes obras é A Vida e a Fala dos Devanceiros. No ano 1952 ingresa na Real Academia Galega. Faino en Celanova e quen lle respondeu ao seu discurso foi Don Ramón Otero Pedrayo.
No relativo ao Don Xesús sementador diremos outro tanto do que se dixo no de conservador. Non parou (como se dirá no andar popular da fala). O entusiasmo posto desde o primeiro momento na Revista Logos. A súa participación como profesor no Colexio Labor en Vigo e na fundación do Partido Galeguista indo como delegado por Vigo xunto con Paz Andrade e Xerardo Álvarez Gallego. Tamén a súa etapa de profesor en Tui cando funda a revista Tude que el mesmo dirixía (mesmo lle fixeran unha notable reseña na Revista Nós). Dicir que no medio desta etapa de esperanza non lle foi de alegría ao enteirarse da morte do seu compañeiro X. Manuel Cabada Vázquez en Linares, Jaén. O 18 de xullo, mesmo o 17 mellor, de 1936 prodúcese o golpe de estado e o comezo da guerra (in)civil.
Cando na súa chegada a Ourense coa longa noite de pedra tan enriza e vixiante, calquera iniciativa sería mirada con lupa. Don Xesús tirou para adiante e formou o Grupo de Colaboradores do Museo Arqueológico formado fundamentalmente por Vicente Risco, Florentino L. Cuevillas e Xaquín Lourenzo. El ordenou e clasificou, referido neste caso ao Arquivo, e clasificou coa axuda dos seus colaboradores unha morea de documentación (rescatou algunha que mesmo facía de cama para as galiñas). Foi un grande esforzo. Tamén desempeñou o cargo de Delegado de Belas Artes.
Destacamos agora o facer importante de Don Xesús, retomando as discusión con Fermín Bouza Brei por cando o Seminario de Estudos Galegos, sobre os petroglifos e comezou xunto con seu irmán Manuel polos da aldea de Cotriños en Cordeiro, Sta María de Cequeril en Cuntis, seguindo polos do Monte de Sta Tegra na Garda, en Mogor de Marín, en Pazos de Borbén, San Pedro de Tomeza e moitos máis. Chega ao convencemento de que os petroglifos tamén marcan territorios ou xurisdiccións. De aí a súa tese presentada en Madrid coa calificación de sobresaínte. Funda a agrupación “Posío, Artes y Letras” e posteriormente fúndase a revista da sociedade da cal é nomeado director Don Xesús e aproveita para crear na radio un espazo chamado “Hora Radiofónica”, así como na creación da Sociedade Auriense (onde a primeira actividade foron os cursos de Lingua Galega).
No ano 1945 reúnense na casa de Don Francisco Fernández del Riego un grupo de galeguistas, entre os cales está Don Xesús, por ver de relanzar o vello Partido Galeguista e así tamén en 1950 nace a Editorial Galaxia da que el é nomeado vocal. Fúndase a revista Grial e Don Xesús forma parte do Consello de Redacción.
O 2 de maio de 1963 e xunto con dous académicos, Don Francisco Fernández del Riego e o arquitecto Manuel Gómez Román, solicitan da corporación da RAG que se declare o 17 de maio o DÍA DAS LETRAS GALEGAS. Ese ano e data adícaselle loxicamente a Rosalía Castro por facérense cen anos da publicación de Cantares gallegos en Vigo. No ano 1996 adícanselle as Letras Galegas a Don Xesús Ferro Couselo. En 1965 a RAG manda un escrito ao Ministerio de Educación pedindo que a Lingua Galega puidese ensinarse nas escolas e nos institutos. O 22 de abril de 1975, hai corenta anos, don Xesús chamou polo Pai Isorna. Quería confesar. Na madrugada do 23 morreu.

A de don Xesús foi unha vida consagrada ao traballo, realizado sempre con competencia e honradez. Así foi ata a súa morte en 1975. Así lle foi recoñecido e no ano 1972 foille concedida a medalla de Alfonso X O Sabio. O seu servizo ao país, a Galicia, foi longo e intenso. A el consagrou a súa vida. No facer de cada día, nesa responsabilidade total derivada da súa idea de vivir Galicia desde a interdisciplinariedade, Don Xesús mantívose na mostra absoluta da súa identidade galega, viviu como galego para Galicia desde as múltiples propostas desenvolvidas tanto a nivel persoal como grupal. Soubo conxugar o seu facer coa esperanza que construía. Agardou, como dixo Bóveda, andando. Non parou para laiarse ou ser víctima. Viviu tempos que correspondían a un estado de desfeito e tratou de compoñelo desde o sinxelo e singular, que é dicir desde a condición galega como galego.Traballou e operou a través da nosa Lingua Galega. Non tivo dúbidas. Tamén deu acariños e afectos. Non actuou en baleiro. Tiña contidos para dar formas. E en todo o que desenvolveu e nos seus tempos era consciente do moito que quedaba por facer…

Pois aínda se repetían
palabras vellas
por calquera dos recantos
onde se desfacían os abrazos

 Pois aínda se lían nas sombras
nomes perigosos…
Don Xesús afirmaba a consonte de vivir que o futuro tiña porvir e así teimou na construcción da esperanza. Sen perder altura sempre mirou en horizontal.


David Otero, escritor e autor da biografía Don Xesús Ferro Couselo, ed. Galaxia. 

                                                                Morgana nº0





A DON XESÚS FERRO COUSELO 
e na agradecida memoria daquela xente do saber
xeración que foi semente deste sentir, a nosa lei!

Ferro Couselo da Valga,
Santa Comba de Cordeiro
Navegador de pasados
En pedras e devanceiros.
Andaches na arqueoloxía
Da par de Xosé Couselo
Que era irmán da túa nai
Da man de Xaquín Lourenzo
Tentados pola evidencia
Que sempre deixa recendos
Nos restos que aínda quedan
E prevalecen no tempo.
Do dezasete de Maio
Fixeches, nos nosos eidos,
Festa das letras e os soños
Xunto a Fernández del Riego.
E tamén con Blanco Amor
Dando cursos de Galego
Ou con Risco e Cuevillas
Ourense, naquel Museo!
Con Pedrayo, Aller Ulloa
Na Academia o teu consello
Teimaba crear amores
Trazando tecer alentos
Para sabernos da terra
Para sabernos herdeiros
Para atoparnos por fóra
Recoñecernos por dentro
Para mirarnos no mundo
Para entendernos nós mesmos
Protagonistas da Historia
Nas obras de fiel tempero
Ferro Couselo, autor
Da memoria e arquiveiro
Na Auriense, Tude e Grial,
Artigos fixo por centos.
Feridos os libros doen
Nos ollos que non os leron.
Defendendo o patrimonio
Desta Matria que sabemos
Nos mira e de nós agarda
Poidamos xa logo sermos
En propiedade, ser donos
Dos destinos, aínda anhelos,
Espertando de mil soños
Para un futuro sen demos
No que os nosos fillos saiban
querer a orixe e querernos!.
Fuches unha flor nas pedras,
Cal silandeiro couselo!.

Xanceda 28 de abril do 2015.
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero. 

Morgana nº0




A DON XESÚS FERRO COUSELO, GALEGO IMPAR, QUE LEEU, EN OURENSE E NOS ANOS CINCUENTA DO SÉCULO PASADO, CON AGARIMOSA ATENCIÓN, OS MEUS PRIMEIROS POEMAS


Sen dúbida un galego para a Historia
foi o gran don Xesús Ferro Couselo,
humilde, xeneroso, bo, sinxelo,
de limpa e exemplar executoria.

Merece estar no círculo de gloria
dos inmortáis de inmorredoiro selo,
e para iso abonda coñecelo:
sapiencia, autoridade, traxectoria.

De Cordeiro, de Ourense e de Galiza
honra foi don Xesús Ferro Couselo.
Só o Museo de Ourense o inmortaliza.

Foi da investigación alto modelo.
Historia e ramas, súa lograda liza.
Guerra en Madrid, salvar xente seu celo.

Había que facelo,
pois tiña un corazón nobre e humano,
que era cristián, real e soberano.



Os Tilos, 04/maio/2.015

Xoán Xosé Fernández Abella

                                       Morgana nº0