venres, 12 de outubro de 2018

PRESENTACIÓN DE 1.306 /36

 Este domingo, día 14, ás 12.00 h. na Casa de Cultura de Valga, terá lugar a presentación do último libro do xornalista e escritor Fernando Salgado, que leva por título 1.306/36, organizada dende Memoria Histórica de Valga. No acto estará acompañado por Monste Fajardo, tamén escritora, e Xosé Manuel Martínez, como integrante do colectivo organizador.

   Salgado recolle a vida o seu avó, Francisco Varela Garrido (Pancho Varela), destacado activista político na Segunda República, que despois do golpe de estado do 36 refuxiouse en Monleras (Salamanca) dende onde quería pasar a Portugal; intento frustrado xa que foi detido e trasladado a Pontevedra. Condenado a morte, fusilárono en xullo de 1937. Precisamente o título do libro fai referencia ao número de expediente aberto contra el.


Pancho Varela foi nomeado xuíz e secretario municipal de Cerdedo trala vitoria das candidaturas de esquerdas nas eleccións de 1931, nas que acadaron once das trece actas. En 1934 fora detido polo seu respaldo á Revolución de Asturias e ao producirse o golpe de estado franquista, logo de que o alcalde abandonara o seu posto, Pancho acude ao Goberno Civil de Pontevedra; é nomeado delegado gobernativo en Cerdedo, onde impide que haxa enfrontamentos. Diante da imposibilidade de evitar a derrota, fuxe ao monte e despois ponse en camiño ata Monleras, onde foi detido en setembro do 36. Estivo preso na Illa de San Simón antes de ser fusilado, con 39 anos.