luns, 6 de febreiro de 2017

A Xosé Lois Miguéns

Eu coñecín a Miguéns. Moita xente coñecía a Miguéns. A pregunta é: realmente coñeciamos a Miguéns?
A rexouba popular coñecía moi ben a Miguéns, nunca falou con el, mais sabía dabondo como pensaba e como actuaba. Segundo contan, a Miguéns gustáballe actuar só, dirixir el, aínda que de vez en cando deixábase ver reuníndose con xente para falar, non se sabe de que, ler poesía, charlar, todo está na baralla. Din que entregaba a quen a quixese unha revista subversiva, onde incitaba á violencia e á revolución social, e como única solución posible a calquera conflito, a guerra.
Así actuaba Miguéns. Á parte disto, a Miguéns tamén lle gustaba facer outras cousas... Polas noites era o de patear todas as aldeas posibles e facer ladrar os cans a horas avanzadas para espertar a xente, en especial os nenos para que tivesen medo. Tamén gustaba de espantar os lagartos sen que ti o vises cando ías andando polas corredoiras, meténdoche algo de arrepío no corpo.
De Miguéns contáronse moitas historias, como supoño que se poderían contar de calquera de nós, cada un é libre de crer o que lle veña en gana. As persoas que nos reunimos aquí queremos contar e transmitir algo polo que loitou este home, por medio do recordo á súa memoria e ao seu traballo a prol da cultura. Falo da cultura non coma un ministerio, senón coma un sitio onde amosar sentimentos e reflexións.
O de que coñecín a Miguéns era certo, este é o meu pequeno gran de area á súa historia.
A súa figura sempre se me amosaba detrás do portal da miña casa, algúns domingos polo mediodía, cortado polos barrotes vermellos deste. Case sempre facía sol. O seu Ibiza branco sempre o acompañaba. A miña irmá colaboraba na súa revista Morgana e neses días sempre facía intercambio de artigo por un destes exemplares. Para min foi sempre motivo de ledicia e orgullo que miña irmá participase nisto. Algún día víame metido no medio da súa conversación, escoitando como bo cativo. Ese pequeno detalle sempre espertou en min os desexos de algún día poder participar en algo así. Fíxome pensar que é o que leva a alguén a emprender unha tarefa dese estilo… Ten que estar feito doutra materia.
A noticia da súa desaparición foi como apagar unha luz nunha habitación, así de rápido e así de frío. Espero que con todo isto se volva prender.


Vicente Vega

Ningún comentario:

Publicar un comentario