" Primeiro de todo, o movemento Memoria Histórica de Valga agradécelle á
Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín este convite de
irmandamento.
Reúnenos aquí hoxe, ao pé desta Pedra da Liberdade, unha axenda da
reivindicación e uns propósitos que nos son comúns, como tamén o é a memoria do
noso veciño, o represaliado Ramón Magariños Duro, xastre e directivo da
agrupación socialista de Marín durante a II República.
Desde Valga, estamos aínda escribindo a cartografía da inxuria contra
a nosa xente, que son as vítimas directas e indirectas daquel infame
levantamento fascista de xullo do 1936 e da política de ‘terra queimada’ que
exerceu a ditadura de Franco; mais somos tamén vítimas, doutro xeito, as
xeracións que as sucedemos, por sermos obxecto dunha desmemoria programada,
outra afronta máis que debemos combater, e combatemos, sen desmaio.
Traballamos, nestes primeiros pasos da nosa andadura, en nomear e
pagarlles coa verdade ás persoas ás que se lles arrebatou a liberdade: 45 valgueses
e valguesas, que poidamos testemuñar, denunciadas pola súa militancia ou
simpatía política, executadas pola súa xusta rebeldía, vexadas, mutiladas e
marcadas para a vergoña…, pero para a dos asasinos. Pelexamos tamén por que se
retire dos espazos públicos a simboloxía fascista, de calquera época, como o
son os retratos dos que foron alcaldes e alcaldesa durante o franquismo, polo
seu carácter amoral e ilegal.
Mentres non se repare a ofensa contra cada unha das vítimas non poderá
existir a reconciliación cidadá. Defendía este sentir o historiador Raúl
Soutelo na súa análise sociolóxica da Valga gobernada polo terror e a ‘fame
neghra’. Dicía tamén neste seu tratado que “Debemos recuperar as
características dese proceso represivo e, sobre todo, as voces das persoas que
o padeceron nas súas diversas modalidades, porque é un compromiso cívico co
exercicio de memoria colectiva e de
hixiene democrática que aínda está por facer no estado español” .
Ningún comentario:
Publicar un comentario