martes, 2 de maio de 2017

Museo da Historia de Valga



"O Arquivo Histórico-Social de Valga comeza a súa andadura no ano 1996, ano no que se lle dedica o Día das Letras Galegas a Don Xesús Ferro Couselo, coa exposición fotográfica da súa historia de vida."

 Así reza o apartado dedicado ao museo na páxina oficial do noso Concello; pasaron vinte anos dende aquel propósito encomiable e no camiño deberon ir quedando as boas intencións porque, agora, se tes a sorte de atopar abertas as portas do edificio gardián da nosa historia, podes moi facilmente marchar sen saber do insigne investigador; a non ser que tropeces, casualmente, cunha ridícula vitrina que enclaustra uns poucos libros, colocada sen moito xeito, no rechán entre escaleira e escaleira. 

O inspirador de tan ambicioso proxecto quedou, unha vez máis, afogado polo desleixo e o desinterese, por non dicir ignorancia, institucional. Ou, se cadra, a nosa mente mal pensada non cae na conta de que os atentos gobernantes só están tendo en conta o coñecido carácter humilde e recatado de Don Xesús, relegándoo a un recuncho protexido de miradas e comentarios.

Vinte anos ben dan para saber ou aprender o que é relevante; para indagar e destacar aquilo que, a todas luces, debe ser destacable; para distinguir aquelas persoas e feitos que nos foron construíndo como sociedade diferenciada, a través da historia dos devanceiros; para apreciar o noso a través das pegadas boas e xenerosas como as de Don Xesús Ignacio Ferro Couselo, veciño de Cordeiro.

Firmante da petición para a instauración do 17 de maio como Día das Letras Galegas, compoñente do Seminario de Estudos Galegos, partícipe na fundación do Partido Galegista, creador de revistas varias, membro numerario da Real Academia Galega, unha extensa bibliografía en galego, portugués e castelán… non serán méritos suficientes para un lugar notorio???

Intentemos pois, dende este humilde escaparate, comezar a resarcir do agravio cometido, con esta primeira aportación gráfica.





Ningún comentario:

Publicar un comentario