O número 1 da revista Morgana deuse a coñecer en outubro de 2017 |
Pasaron xa algúns meses desde que esta pequena familia que compartimos o pan e o viño na Casa Chaves lle demos forma á idea colectiva de agasallar o mundo cunha nova edición de Morgana, revista que desta volta decidimos tería un formato distinto, cooperativo, moi artesanal e breve, de substancia transformadora.
E mans á obra. Levounos máis de dous 'filocafés' -aos que, dito sexa de paso, estades convidadas e convidados- perfilar os contidos, confeccionalos e expoñelos para o deleite do grupo.
13 ideas de 13 mentes creadoras que se multiplican para completar 30 exemplares enlatados de Morgana, tan creativa coma sempre, que neste número monográfico reflexiona sobre si mesma, sobre as cousas que paga a pena conservar no tempo e a maneira en que as conservamos.
Esta Morgana metamorfoseada non perde o espírito que lle imprimira o seu creador, Xosé Lois Miguéns. Aquí viven aínda os ideais, a vontade estética das horas de lecer, a actitude tabernaria de confraternizar arredor dunha taza de viño, o desexo de descubrir e aprender... e, por que non dicilo, a espontaneidade e a loucura da e do poeta.
Eiquí vos deixamos algunhas fotografías da ensamblaxe da revista.
Ningún comentario:
Publicar un comentario