luns, 31 de xullo de 2017

"Non se pode pasar páxina, sen antes tela lido" (Marcos Ana)





Grazas. Moitas grazas ás e ós familiares de Celestino Carbia Campaña e de Leoncio Viñas Menéndez, alcalde e concelleiro da corporación municipal democrática usurpada ó pobo de Valga naquel fatídico xullo de 1936, por acompañarnos na xusta e sentida homenaxe celebrada onte, domingo 30 de xullo, ás portas do Concello.









Foi difícil viver,
deixar en herdo aos fillos o silencio,
teimar na desmemoria
cando un remol escuro ouvea no corazón
e reclama caivancas para poder arder.

O pasado é unha fraga onde ecoan os disparos,
un faiado tripado polas ratas,
o aceno lamacento da traizón
nos ollos dun irmán
co que andabas aos xílgaros de neno
nas fragas onde ecoan os brados do silencio,
os marmurios do medo,
a voz dos que apodrecen cada mencer ao sol.

Foi difícil calar, avellentar                               
como unha muller máis, un home do común  
que ve medrar os netos,
ser dos que non morreron:
un carballo tronzado polo raio,
seiva que xa enxoitou.
Alguén virá que salve os vosos nomes?
                              
                                    (Pilar Pallarés)

Ningún comentario:

Publicar un comentario