Sempre en Abellá, a finais de abril, lembramos a Manuel Ponte Pedreira, Manuel Díaz Pan e Manuel Rodríguez "O Asturiano", da 4º Agrupación Guerrilleira de Galicia.
Este ano, polas circunstancias sabidas farémolo intimamente co vídeo que deixamos a continuación, regresando á causa que nos xunta cada 21 de abril e percorrendo os lugares evocadores da data e suceso: o cemiterio, coa memoria de Francisco que nos contaba como foran os feitos, e Fontao, onde xa puxemos hai anos unha pedra, obra de Valdi, que lembrará tamén o exercicio da Liberdade.
Van aquí unhas fotos do documento de Requisitoria para comparecer ante o Xulgado Militar Especial da 8ª Rexión, e da carta que Manuel Ponte dirixe a ese xulgado, o 28 de maio de 1946.
Preme aquí e poderás ler a transcrición da carta.
UN POUCO DE HISTORIA
Por facer algo de memoria debemos lembrar que despois da sublevación militar-fascista en xullo do 36 con moitísima violencia en Galiza, centos de persoas, ata entón agachadas e sublevadas esporadicamente aos fascistas ata o 39, deciden fuxir ao monte e no norte da Coruña e Lugo así como entre León e Ourense crean incipientes estruturas guerrilleiras do Estado. En 1945 e 1946, o PCE estrutura o Exército Guerrilleiro de Galiza, dividido en 5 agrupacións. As máis activas resultaron ser a 4ª agrupación, a da Coruña, e a 2ª de Ourense. Cómpre destacar o apoio popular das súas accións e para a súa permanencia no tempo, deica os primeiros anos cincuenta como única oposición ao franquismo.
CRONOLOXÍA DA GUERRILLA ANTIFRANQUISTA GALEGA
-20/27 de xullo de 1936.- Os militares e dereitistas sublevados contra a República toman as cidades e pobos de Galiza. Gran represión, comeza a guerra civil. Lonxe de calquera fronteira democrática, centos de persoas sobreviviron, escapados polos montes e agachados nos sotos, cortes, faiados ...
-Outubro/decembro do 1937.- Caída do Fronte Norte: combatentes republicanos veñen agocharse ás montañas da Galiza sudoriental.
-Abril 1939/inverno 1940.- Ao remate da guerra civil, con Franco non chegou outra paz que a dos cemiterios. Accións policiais e militares contra os fuxidos galegos, que deberon dar en guerrilleiros: primeiras organizacións da resistencia armada galega: “Gafas” no surleste, grupo “Chapáiev” na Mariña/Eume, ...
-1941-1944.- Numerosos enfrontamentos armados na área Ferrol-Ortigueira-Viveiro e nas lindes das provincias de Lugo e Ourense con León, Zamora e Tras-os-Montes portugués: na Mariña/Eume avanzan na organización; creación no surleste da unitaria Federación de Guerrillas de León y Galicia.
-Outubro 1944/mediados 1945.- Na esperanza nunha intervención aliada contra Franco, invasión do Val de Arán e chegada a Galiza de cadros para coordinar os diferentes grupos cara a constitución de Agrupacións Guerrilleiras vencelladas á UNE/PCE.
-1946.- Xermolar do Ejército Guerrillero de Galicia, con Gayoso e Seoane (PCE) potenciando a loita antifranquista con “Marrofer” na xefatura militar: IVª Agrupación, edición de propaganda (El Guerrillero) e incremento de accións armadas. Organización das Agrupacións IIIª (norte e centro de Lugo) e IIª (oeste e centro de Ourense). Á morte de “Marrofer” (Aranga, VI-1946), Manuel Ponte vai á xefatura da IVª Agrupación Guerrilleira Pasionaria.
-1947.- Creación da Vª Agrupación no norte de Pontevedra. Disolución oficial da Federación de Guerrillas con apreciable integración no Ejército Guerrillero. Medran as accións armadas, numerosos sabotaxes e eliminación de franquistas (54: gardas civís, xefes locais de FE, alcaldes, cregos, confidentes). Liberdade policial para actuacións represivas: Infiltracións, contrapartidas, detencións masivas, deportacións. O 21-IV caeron en Abellá (Frades), Manuel Ponte con dous compañeiros.
-1948.-. A guerrilla perdeu 27 combatentes, un deles Luís Trigo “Guardaríos” (25-VI-1948). Caída en xullo do Comité galego do PCE/guerrilla, execucións. Bases subterráneas na área Mugardos-Eume-Oleiros.
-1949.- Militarización da guerrilla. Caídas en Chávaga (Monforte), Remesar (Bóveda), Zas, Pazos (Monfero), da guerrilla volante ourensá. Caeron en Galiza 35 combatentes antifranquistas.
-Primavera de 1950/primavera de 1951.- Marchan a Francia responsables da guerrilla e do PC. Caída de bases guerrilleiras. A guerrilla, camiño do fin, perdeu 31 combatentes.
-1951-1955.- Manuel Girón foi asasinado en Molinaseca (León) o 2-V-1951. Benigno Andrade Foucellas foi agarrotado en Coruña o 7-VIII-1952. O último guerrilleiro activo e incisivo ata a súa morte, Francisco Martínez Leira, Pancho, caeu nunha ciada da GC en Pontedeume o 31-XII-1954. Entobados, inactivos e mitificados quedaron (con outros) José Luís Castro Veiga O Piloto, tiroteado en Belesar en 1965, e Ramón Rodríguez Varela, O Curuxás, morto dun ataque cardíaco en 1967, ...
Accións da guerrilla galega (1939-1954)
Na década dos corenta e nos primeiros anos cincuenta a única oposición activa ao franquismo en Galiza foi a guerrilla, usando na forma a democracia armada. En palabras do estudoso Eduardo Pons Prades “la resistencia armada gallega fue la más autóctona, incisiva y dilatada de todas las tierras de España”. unha historia heroica e tráxica.
B.M.V.
Causa 200/1947, A Coruña. Noticias confidencias levaron á detención de case setenta persoas da comarca de Ordes e indo cara a Pomariño, Fontao (Abellá, Frades) ducias de gardas civís rodean a casa onde se refuxian os combatentes da 4ª agrupación guerrilleira. Tentan saír do cerco e, nesa tentativa, caen tres guerrilleiros de Destacamento Manuel del Río Botana, da IV Agrupación "Pasionaria" do Exército Guerrilleiro de Galiza, conseguindo fuxir Emilio Pérez Vilariño e Juán Couto Sanjurjo, os caídos foron:
MANUEL PONTE PEDREIRA, chamado tamén Xastre _pola súa profesión_ Negro, Pintor, Miracielo. Nacera en Frades en 1911 e residía en Ordes exercendo a profesión de xastre. En 1936 defensor da República en Ordes e Santiago e por tal enviado á cadea; excarcerado en 1941, actuou como enlace, incorporándose á guerrilla en 1945. Xefe de IV Agrupación en 1946, artellou unha potente estrutura político-militar. O seu carisma, intelixencia e valor puxérono xustamente como un heroe do antifranquista galego.
MANUEL DÍAZ PAN, co sobrenome de Rogelio, nacera en 1918 en San Pedro de Nós. Era carpinteiro e afiliado á CNT, despois ao PCE. O seu irmán José María tamén morreu na guerrilla en Vilarmaior en 1951 e o seu irmán Francisco estivo encarcerado e acompañounos, mentres viviu, moitos anos no acto da celebración da Memoria que facemos sempre en Abellá -no cemiterio- e en Fontao, onde os mataron e onde puxemos unha pedra cunha inscrición na súa lembranza, no ano 2009. Anque xa levabamos ben anos celebrando aquela data.
MANUEL RODRÍGUEZ (Suárez?, Gundín?). Non se sabe o segundo apelido con certeza, tiña de alcume O Asturiano ou O Chispas. Nacera en 1928 e de familia duramente represaliada, aparentemente en Asturias.
----------------------------------
Todos os anos celebramos alí a memoria, non só dos TRES MANUELES senón tamén de todas aquelas persoas que foron represaliadas na defensa da Liberdade. Moitas delas aínda ignoradas ou abeiradas nas fosas e cunetas dos camiños. Alí xuntamos desde o principio -máis de vinte anos- coas familias de Ponte -A filla, Maruchi e a neta, Clara-, tamén coa familia de Díaz Pan, durante moitos anos coa presenza do lembrado irmán Francisco que nos contaba sempre, en diálogos curtos e de proximidade, moi emocionados, cousas e anécdotas desas da intra-historia, tan clarificadoras nas que a dignidade sempre prevalece por riba de todo e, por iso, nese enorme herdo celebramos aos tres heroes de tal sacrificio e tan dignos de agradecida memoria. Ao non ter datos de "O Asturiano" non podemos saber da súa familia, se a ten sequera. Nese día de celebración, faise sempre unha ornamentación de bandeiras e de flores, no lugar onde están as súas cinzas, unhas interpretacións musicais e tamén de pequenas intervencións no Cemiterio de Abellá que nos refresquen a memoria e que poñan en valor as accións de toda esta xente e de xente que, coma eles, souberon dicir NON ao abuso e á usurpación da legalidade. O seu esforzo non pode ser estéril e aí é onde inciden as intervencións, con lectura de poemas, con recordos e mensaxes, con interpretación do noso Himno e, despois, de novo en Fontao na pista onde puxemos a pedra no ano 2009 hai de novo exposición de memorias e motivos. A partir de aí, procuramos un xantar na Berxa, para quen queira, nun merendeiro alí preto que rexentan as fillas do Berxo, un enlace da guerrilla tamén moi significado na zona, e alí en encontro fértil, comemos, bebemos e cantamos xuntos.
Sempre lembramos, recitando, afirmando, lendo, expresando, cantando, poñendo flores onda a pedra a aqueles que viñeron connosco, sobre todo a aqueles que tanto nos ilustraron cos seus relatos como a Francisco Díaz Pan, quen nos relataba o modo de "non chorar" da súa nai, cando foi recoñecer -diante os gardas- ao seu fillo abatido e desposuído das botas e do reloxo. Lembramos a Francisco Díaz Pan contador da autenticidade dos feitos, a Avelino Pousa Antelo que preparaba discursos de grande elocuencia e verdade, este ano botaremos moito en falta a Ferreiro que nos cantaba o Himno da Guerrilla e propiciaba a emoción dos seus relatos. Son moitas e moitos que connosco estiveron, seguirán reflectindo a súa luz, o seu exemplo. E outras e outros moitos dunha lista interminable de compañeiras e compañeiros nesta permanente loita contra o esquecemento.
Este ano, por mor do Covid-19 e da prohibición, non poderemos xuntarnos coma sempre. Estaba pensado facerse -contando coa vosa presenza- o día 25, o próximo sábado deste mesmo mes. Mais, que non poidamos estar fisicamente xuntos, non quere dicir que non poidamos lembrar aquel sublime exemplo, o de todas aquelas persoas que deron a vida pola única veraz, a Causa de Galiza e da Liberdade. Da Dignidade, en definitiva. Porque esta resistencia, queiramos ou non, é a única saída da esperanza.
Mero. 2021.
Ningún comentario:
Publicar un comentario