luns, 11 de decembro de 2017

III XORNADAS FEMINISTAS

As xornadas feministas que as Xuventudes Socialistas de Valga organizan cada ano arredor do 25 de novembro, centráronse nesta terceira edición en “Muller e memoria”. A historiadora Concepción Burgo e o historiador Juan A. González, insistiron na necesidade de seguir investigando no acontecido a tantas e tantas mulleres represaliadas coa chegada do franquismo e durante a ditadura; poñendo de manifesto a grande dificultade desta tarefa pola ausencia de rexistros, tanto nos cárceres como das accións levadas a cabo contra delas, xa que na súa maioría se facían de xeito “extraoficial” e “extrainstitucional”.


Antes da mesa redonda que tivo lugar o pasado sábado, 2 de decembro, a organización fixo un recoñecemento especial ao traballo da escritora Montse Fajardo, presente nas xornadas, e autora, entre outros, do libro Un cesto de mazás, memoria do 36 e do tempo que veu, do recentemente publicado Invisibles. Relatos do maltrato, e comisaria da exposición Rexas, mulleres baixo o terror franquista, organizada pola Deputación de Pontevedra e que recolle unha antoloxía das historias de 127 pontevedresas perseguidas, asasinadas e encarceradas.


As xornadas pecháronse a carón da estatura de Carolina Otero, como anticipo dos actos e actividades que durante o vindeiro ano se organizarán, conmemorando o 150 aniversario do seu nacemento.



Ningún comentario:

Publicar un comentario