Memoria

PRESENTACIÓN DO LIBRO
AMADA GARCÍA E OS SEUS ARREDORES
DO HISTORIADOR BERNARDO MÁIZ VÁZQUEZ
PUBLICADO POR EDICIÓNS EMBORA

MÉRCORES 24 DE MAIO ÁS 19.00 H.
NO PATIO INTERIOR DO VELLO CÁRCERE DE LUGO



Amada García, encarcerada durante o seu embarazo e fusilada na prisión militar de Ferrol en 1938, tras despedirse do seu pai, do seu marido e do seu fillo acabado de nacer, é unha figura simbólica da resistencia antifascista das mulleres galegas, que neste libro se presenta dunha maneira histórica, fidedigna, contextualizada e real que, non obstante, supera á ficción.
Bernardo Máiz Vázquez ten unha ampla obra historiográfica sobre a represión franquista, na que se contan libros como Galicia na II República e baixo o franquismo, Memoria-catálogo das publicaciones galegas antifranquistas, Resistencia, guerrilla e represión. Causas e Consello de Guerra: Ferrol 1934-1955 ou Castelo de San Felipe: cárcere e morte.

______________________________________________________


MEMORIA HISTÓRICA DE VALGA ORGANIZA UNHA PALESTRA SOBRE A REPRESIÓN ÁS MULLERES DURANTE A GUERRA CIVIL E A DICTADURA FRANQUISTA

Este sábado 13 de maio, a partir das 18:00 h. na Casa de Cultura de Valga, terá lugar unha  mesa redonda sobre a represión franquista contra as mulleres.

Intervirán Montse Fajardo, autora do libro Un cesto de mazás, que recolle “ relatos sobre persoas detidas, fusiladas, asasinadas en cunetas, agochadas durante anos en tobos de cortes ou ocos de cociña, humilladas”; Susana Sánchez Aríns, autora de Seique, que plasma “a historia dun fascista tan sen importancia que nin aparece nos arquivos, mais que si existiu, deixando, marcas que as súa vítimas non esqueceron”; e Andrés Domínguez Almansa, investigador e colaborador do proxecto Voces de Nomes e autor de varias obras sobre a Galiza e a España da Guerra Civil e posterior ditadura fascista.

Contaremos, ademais, coa participación de Juan Barreiro Viñas, veciño de Valga e descendente de represaliadas e represaliados, que nos falará do acontecido a persoas da súa familia nos anos posteriores ao levantamento militar.














O pasado sábado a Memoria Histórica de Valga participou no acto organizado pola Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín, para conmemorar o aniversario da proclamación da II República. A compañeira Raquel González Caamaño interveu en representación das persoas que, dende hai case un ano, emprenderon o camiño da restitución da memoria secuestrada no noso concello.


" Primeiro de todo, o movemento Memoria Histórica de Valga agradécelle á Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín este convite de irmandamento.

Reúnenos aquí hoxe, ao pé desta Pedra da Liberdade, unha axenda da reivindicación e uns propósitos que nos son comúns, como tamén o é a memoria do noso veciño, o represaliado Ramón Magariños Duro, xastre e directivo da agrupación socialista de Marín durante a II República.

Desde Valga, estamos aínda escribindo a cartografía da inxuria contra a nosa xente, que son as vítimas directas e indirectas daquel infame levantamento fascista de xullo do 1936 e da política de ‘terra queimada’ que exerceu a ditadura de Franco; mais somos tamén vítimas, doutro xeito, as xeracións que as sucedemos, por sermos obxecto dunha desmemoria programada, outra afronta máis que debemos combater, e combatemos, sen desmaio.

Traballamos, nestes primeiros pasos da nosa andadura, en nomear e pagarlles coa verdade ás persoas ás que se lles arrebatou a liberdade: 45 valgueses e valguesas, que poidamos testemuñar, denunciadas pola súa militancia ou simpatía política, executadas pola súa xusta rebeldía, vexadas, mutiladas e marcadas para a vergoña…, pero para a dos asasinos. Pelexamos tamén por que se retire dos espazos públicos a simboloxía fascista, de calquera época, como o son os retratos dos que foron alcaldes e alcaldesa durante o franquismo, polo seu carácter amoral e ilegal.

Mentres non se repare a ofensa contra cada unha das vítimas non poderá existir a reconciliación cidadá. Defendía este sentir o historiador Raúl Soutelo na súa análise sociolóxica da Valga gobernada polo terror e a ‘fame neghra’. Dicía tamén neste seu tratado que “Debemos recuperar as características dese proceso represivo e, sobre todo, as voces das persoas que o padeceron nas súas diversas modalidades, porque é un compromiso cívico co exercicio de  memoria colectiva e de hixiene democrática que aínda está por facer no estado español” .

Grazas."



1 comentario:

  1. Foi un acto moi emotivo e e en moi boa compaña. Non demos ó esquecemento

    ResponderEliminar